Historiador Francisco Singul tras publicar un volume sobre cultura e pensamento no Camiño, agora bota luz sobre os usos do viño.
É unha das voces máis recoñecidas cando se fala de investigación histórica sobre temática xacobea. Hoxe mesmo, o historiador Francisco Singul presenta outro volume para a súa avultada colección. Desta vez, o tema é o viño no Camiño.
-¿Que se vai atopar o lector?
-Aínda que non debería dicilo eu [ri] unha publicación moi documentada e cun traballo laborioso, que abrangue a historia do viño en Galicia dende as súas orixes, pero non só en Galicia, senón que se estende a todo o Camiño de Santiago. Por exemplo, na Galicia do Camiño Francés non había moito viño, porque non se daba nas montañas de Lugo. Si que o hai nos mosteiros pero vén da zona do Bierzo.
-¿E en Compostela?
-Ao chegar a Santiago, se queren poden bañarse en viño, porque hai moita variedade. Hai viño da Ulla, do Val da Amaía ou do Ribeiro, que entraba la cidade pola porta de Mazarelos. Hai que lembrar que Galicia na Idade Media é unha potencia cultural e económica, estamos no centro do mundo, e Santiago é un mercado viñateiro. Ata aquí chegan viños do Mediterráneo, de Aragón, de Valencia, de Andalucía e mesmo de Portugal.
-¿E a exportación?
-Ao desenvolverse as peregrinacións, e sobre todo na baixa Idade Media, comezan as peregrinacións marítimas e chegan peregrinos de Flandres ou de Bretaña, por exemplo. De Galicia sairá moito Ribeiro en barcos dende A Coruña e Betanzos, portos de exportación cara ao norte de Europa. Hai unha Galicia unida a Europa grazas ao vínculos de exportación do viño.
-Logo o viño tivo unha gran transcendencia na Galicia medieval.
-Tivo moitísima. Xunto co pan é a comida básica da cultura mediterránea. Ademais, o pan e o viño teñen valor simbólico a través da eucaristía, que é algo fundamental. De feito, ata mediados do século XV todos os fieis consumían viño na eucaristía, non como actualmente, que só o toma o cura. Precisamente por razóns de hixiene e profilaxe deixou de terse este costume.
-¿A Igrexa foi a impulsora da cultura do viño?
-A Igrexa potenciou o cultivo da vide polo tema da eucaristía, pero recomendaba un consumo moderado e mesturado con auga, porque era viño ácido e pouco elaborado. O que estaba prohibido era vendelo xa mesturado. Os peregrinos levaban auga con viño para conservala, polo que deducimos que todo o mundo bebía viño, máis ou menos diluído.
-¿Como era o menú medieval?
-En todos os hospitais e mosteiros os peregrinos recibían pan e viño. A carne, a verdura ou as legumes non eran máis que un acompañamento a estes dous alimentos. É certo que existen sitios privilexiados, como Santiago, onde había marisco e peixe, por exemplo. Santiago era un dos lugares de Europa onde mellor se comía.
(La Voz de Galicia)
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Observação: somente um membro deste blog pode postar um comentário.